A propia Avogacía do Estado estipula no seu informe como se tería que resolver, segundo recordou Abel Caballero, quen garantiu que haberá acordo "se é preciso cambiar a situación", xa que "pode ser que nin sequera sexa preciso".
O goberno de Vigo está actualmente a acometer obras de adaptación no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo para acoller a sede viguesa da UNED e unha gran sala de lectura con preto de cincocentos postos, a que será a máis grande de Vigo, aberta a toda a cidadanía.
O acondicionamento destes espazos corre a cargo do Concello de Vigo e está sufragado pola Deputación de Pontevedra. A entidade presidida por Carmela Silva adica á mellora 466.000 euros máis outros 200.000 para a dotación de elementos, útiles e mobiliario.
O Concello de Vigo xa conseguiu para a UNED viguesa trece titulacións. Abel Caballero xa manifestou que a intención do goberno que encabeza é reclamar as carreiras restantes para ter na cidade toda a oferta educativa da Universidade Nacional de Educación a Distancia.